As verzas na cultura popular galega
Aparencia
- Artigo principal: Verza.
A seguir recóllese a pegada das verzas na cultura popular galega, recollida de textos etnográficos, dicionarios e enciclopedias.
Para cura-la tose das vacas, dáselles unto de porco envolto nunha folla de verza e crese que cura decontado.
Para as frieiras e as queimaduras da xente utilizábanse couselos fritidos en aceite, envoltos logo nunha folla de verza que se mete na borralla para que quente, e despois, ben quentes, póñense sobre as frieiras.
Aníbal Otero recolle a crenza de que se se refregan as espullas cunha verza encontrada de fertuna no camiño, curan axiña. Cómpre, logo, botar con ela nun lugar onde nunca máis se pase.
Locucións
[editar | editar a fonte]- Estar nas verzas: estar distraído, non decatarse de nada.
- Ser [algo ou alguén] como o unto ás verzas: dise dunha cousa ou dunha persoa que veñen moi ben para conseguir un obxectivo.
- Vello coma o caldo de verzas: moi vello (persoa ou cousa) [1].
Refraneiro
[editar | editar a fonte]- As verzas de Fontán cóllense por san Sebaschán [2].
- As verzas por xaneiro saben a carneiro [3].
- As verzas quéroas untadas e as patacas fariñentas, e para compango, do porco quero costelas salpresas [4].
- Bica quente con touciño éche o caldo das mulleres, e vén o home da arada e roe as verzas, se as quere.
- Cal de verzas, cal de papas ataquémo-las barazas [5].
- Cando non é por verzas, é por fío negro.
- Canto máis unto, millores verzas.
- Dálle verzas en agosto se queres ver ó teu home morto.
- En xaneiro, a verza é carneiro.
- En xaneiro, verza vella val carneiro [6].
- Foise o boi ás verzas e non deixou verdes nin secas.
- Hai máis que verzas na ola, que hai ulido de cazola.
- O can de hortelán non come as verzas nin deixa collelas pra comelas [7].
- Por que te non coces verza? Porque non teño quen me remexa [8].
- Pote sen verzas, sen unto nin sal, pódeselle ó gato dar'.
- Se perguntades por verzas, meu pai ten un patacal.
- Se queres ó teu marido matar, dálle verzas por san Xoán.
- Unto e boas verzas xa fan bo caldo.
- Verza moita e pouca troita [9].
- Verza, ¿por que non cociches? -Porque antes non me metiches [10].
- Verza, ¿por que non cociches? -Porque non me remexiches.
- Verzas e nabos, pra nun entrambos.
- Verzas en xaneiro saben coma carneiro.
- Verzas que non has comer, déixaas cocer.
- Vezouse o burro ás verzas e non deixou verdes nin secas.
- Xaneiro verceiro, nin boa meda nin bo palleiro.
- Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estos meses cas súas mulas co seu carro.
Cantigueiro
[editar | editar a fonte]- Ai, miña nai, que caldo me ten./ Ai, miña filla, sábeche ben;/ verciñas poucas, fabiñas catro,/ carniña tanta coma a lengoa dun gato [11].
- Aquela vella do diaño/ seica a tentou o pecado,/ botou as verzas no pote/ remexeunas co forcado.
- Ben sei o mal que padeces/ e as pedras en que tropezas;/ para praticar comigo/ eres moi férvelle as verzas.
- Bote o caldo, miña nai./ Non cho boto, non, Xoquín,/ que inda están as verzas crúas,/ non me seas galopín [12].
- Miña nai ten unto vello/ do cocho que ha de matar,/ e na horta ten as verzas/ das coles que ha de prantar.
- Miña nai ten unto vello/ dun cocho que ha de matar/ tamén ten berzas na horta/ das coles que ha de prantar.
- Non quero verzas con unto/ nin nabizas con aceite;/ pra min non hai cousa boa,/ hasta me fai mal o leite [13].
- Para boas mozas, Sada,/ para repolos, Osedo,/ para coles castellanas/ o campo de Samoedo [14].
Adiviñas
[editar | editar a fonte]- É tan grande como unha pulga/ e ten orellas maiores cás dunha burra [15]
- Éche de verzas,/ sábeche ben,/ fabiñas poucas,/ patacas catro,/ e, do unto,/ como a lingüiña/ dun gato [16].
- Limpé de catro pés/ quixo comer a limpé dun pé/ e limpé de dous pés/ tornou a limpé de catro pés/ para que limpé de catro pés/ non comera a limpé dun pé [17].
- ¿O que é, que é,/ do tamaño dunha pulga,/ e deita unhas orellas/ coma as dunha mula?
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Vicente Risco, Nós 27, 15.03.1926.
- ↑ Fontán é lugar da parroquia e concello de Sada. San Sebastián é o 20 de xaneiro.
- ↑ As verzas apáñanse dende moi axiña, aínda que o seu maior rendemento sexa polo inverno, porque as xeadas de xaneiro fannas mellorar segundo se van cortando, fannas máis saborosas. No orixinal: berzas.
- ↑ No orixinal: berzas.
- ↑ Baraza é unha atadura de corda delgada, cinta etc., coa que se ata calquera cousa. Ataca-las barazas vén sendo desface-lo nó que pecha un saco.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro. No texto: berza.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. can. No orixinal: berzas.
- ↑ Juan Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: berza.
- ↑ Aplícase para significar que unha comida foi frouxa.
- ↑ Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal: berza, porque non cociches?.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 33. No orixinal: berciñas, de un gato.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: berzase [sic].
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández, 111. No orixinal: berzas.
- ↑ Osedo, parroquia de Sada próxima á capital; Samoedo, lugar da parroquia e concello de Sada.
- ↑ Solución: a semente da verza e a planta xa crecida, de grandes follas.
- ↑ Solución: o caldo galego.
- ↑ Solución: a cabra (limpé de catro pés), o cañoto da verza (limpé dun pé) e o home (limpé de dous pés).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- GÁRFER, J.L. e FERNÁNDEZ, C.: Adivinancero popular gallego. Taurus Ediciones, Madrid 1984.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- RISCO, Vicente: "Archivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós nº 27, 15.03.1926, 19-21.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
- SOBREIRA, Juan: Papeletas de un diccionario gallego (1792-1797), ed. de J. L. Pensado Tomé, Instituto de Estudios Orensanos, Ourense 1979.